Nomeamento de Camariñán de Honra 2020

A Asociación Cívica, Cultural, Deportiva e Recreativa “Virxe do Carme de Camariñas” (ACCDR Virxe do Carme de Camariñas), acordou conceder o recoñecemento de Camariñán de Honra 2020 á Agrupación Local de Protección Civil de Camariñas.

Esta distinción recoñece o traballo das persoas ou entidades que se distinguen pola defensa e promoción de Camariñas e dos camariñáns e que, a xuízo da ACCDR Virxe do Carme de Camariñas, mellor representa os valores camariñáns.

Neste caso o xurado tivo en conta o traballo altruísta dun pequeno grupo de persoas que, superando as limitacións de recursos, medios e persoal, deron cobertura á totalidade da poboación de Camariñas durante os momentos mais duros do confinamento obrigatorio pola situación de pandemia provocada pola covid-19; seguiron co seu traballo ordinario na vida privada ou no servizo público; estenderon a xornada laboral ate o límite; buscaron e procuraron medios e recursos para asistir aos centros sanitarios con material de protección para os sanitarios que loitaban en primeira liña de fogo; achegaron recursos educativos aos nenos confinados nas súas casas, servindo de ponte entre os centros educativos e os cativos; puxeron a proa a un temporal sen precedentes nas nosas vidas e, superando os seus propios medos, puxeron os intereses colectivos por riba de eles mesmos.

Este modesto recoñecemento non pretende mais que facer público e visible o que aniña nos nosos corazóns: unha gratitude inmensa aos que fixéstedes posible que as nosas vidas fosen, e sigan sendo, un pouco mais fáciles en momentos de grande tribulación.

Ao longo da historia sempre nos teñen debuxado aos heroes coma cabaleiros de branca armadura montados en briosos corceis. Os heroes Camariñáns de 2020 vístense de laranxa e montan vehículos entrados en anos e que, en moitos casos, precisan dunha renovación. Os nosos heroes chámanse SUSO L, LUIS, SUSO R, MANOLO, TEDÍN, MARIO, DIEGO OU JOSE MARÍA e sempre están aí cando o precisamos, aínda que moitas veces non nos damos nin conta da súa existencia.
Honra para todos eles.

Share on facebook
Share on whatsapp
Share on twitter

Sponsors do Carme de Camariñas

Empresas e institucións que apoiaron a creación da web da Festa do Carmen de Camariñas