Cartel da Virxe do Monte 2019

A Asociación Cívica, Culturar, Deportiva e Recreativa “Virxe do Carme” de Camariñas ven de presentar o cartel das festas da Virxe do Monte. Esta festividade celébrase na capela “do Monte”, como tódolos camariñáns lle chaman ao monte Farelo, promontorio que garda a ría de Camariñas polo norte e serve de guía e referencia para a embocadura das embarcacións que buscan o abrigo do porto da “Pombiña do Vilán”, poético nome con que López Abente definiu á Vila de Camariñas.

Aínda que a Virxe do Carme é a patroa dos mariñeiros, en Camariñas, e ate principios do século XX, a santa de referencia dos homes do mar sempre foi a Virxe do Monte. Incluso hoxe segue a ocupar un posto importantísimo no panteón mariñeiro dos camariñáns que a teñen incorporado á súa música tradicional e ao seu acervo cultural.

Celébrase tódolos anos o luns de pascua nunha romeiría na que se traslada a imaxe da virxe dende a capela do Carme ate a ermida da Virxe do Monte, nun percorrido de preto de dous quilómetros. Dende a porta da pequena capela, situada no cume do Monte Farelo, domínase unha das paisaxes mais espectaculares da Costa da Morte, co faro Vilán polo Norte e Touriñán polo sur. En frente, o Santuario da Barca e a vila de Muxía que gardan a entrada sur da ría. Cara o interior, as augas tranquilas dunha ría que, en días despexados, asemella unha lagoa na que se espellan piñeiros e cultivos.

Este ano as festas comezarán o sábado día 20 e rematarán o luns 22, día da Virxe do Monte, cunha programación moi diversa que pretende chegar a tódolos veciños de Camariñas e aos visitantes que acudan a Mostra do Encaixe.

Cartel da Virxe do Monte 2019 de Camariñas
Cartel da Virxe do Monte 2019 de Camariñas
Share on facebook
Compartir en Facebook
Share on twitter
Compartir en Twitter

Sponsors do Carme de Camariñas

Empresas e institucións que apoiaron a creación da web da Festa do Carmen de Camariñas