Carta aberta da Comisión do Carme 2018-2021: Ata aquí chegamos

Parece que foi onte, pero xa van alá mais de tres anos dende que o alcalde Pichurri nos pediu a un grupiño de xubiletas que nos fixéramos cargo das festas do Carme ou quedábamos sen elas. A verdade é que parecía imposible tal posibilidade pero as datas estaban enriba e non se albiscaba a ninguén disposto a asumir tal responsabilidade. Despois de moitas disquisicións, de algunha chamada da hostalería local (non de toda), un grupiño inicial asumiu o reto e foi ampliando o equipo con xente mais nova, con experiencia noutras comisións e actividades vinculadas o ocio e a música, e a xente voluntariosa que cando se lle insinuou a posibilidade de traballar polo seu pobo, non o dubidaron nin un minuto. Non negaremos que houbo momentos moi difíciles durante o 2018: comezar a organizar unhas festas da dimensión do Carme de Camariñas a un mes escaso da súa celebración, a falta de recursos económicos, estar fora do mercado das grandes orquestras por chegar tarde a súa contratación, etc, etc. Pero gracias a colaboración do Concello e a xenerosidade sen límites dos camariñáns conseguimos saír a diante facendo unhas festas dignas ese ano, pero moi lonxe do que críamos que Camariñas merecía.

Iso levounos, contra a nosa previsión inicial, a continuar un ano mais para facer un Carme Grande. Un Carme digno de Camariñas. Así planificamos unha das festas mais espectaculares que se teñen feito no noso pobo: unha semana de festa, as mellores orquestras de Galicia, un dos mellores concertos de música tradicional con Treixadura, os marabillosos Cantos de Taberna, atraccións que viñan de todas partes porque o Carme era unha das grandes festas de Galicai, a gran noite dos fogos de artificio… Foi un ano dun traballo inmenso, con actividades cada mes para recadar cartos con que financiar todo, con iniciativas que nos levaron ao borde do esgotamento pero que sacamos adiante coa colaboración de todos, membros da Comisión e moita outra xente que nos prestou a súa colaboración e aos que sempre estaremos agradecidos.

E logo ven 2020 e a pandemia maldita. Ese era o ano da nosa despedida con unha programación aínda mais grandiosa. Pero non puido ser. E aínda así, e con tódalas limitacións do mundo, o Carme celebrouse tamén en 2020, e tamén en 2021: A Danza de Arcos salio enchendo as rúas de color, de ritmo e de devoción, os barcos botáronse ao mar adornados e coa virxe a bordo… foi distinto pero tamén foi único e marabilloso coma cada edición do Carme.
Pero todo ten un remate. Esta Comisión estivo de prestado e para un momento excepcional. Coidamos que nos xa cumprimos coa nosa función e é o momento, despois de rematar o calendario festeiro, de que outra xente se poña ao fronte e planifique e organice as festas do próximo ano que, como cadra en fin de semana, seguro que serán as mellores festas de Galicia coma sempre. Este é o momento porque o Nadal está xa próximo e hai moita lotaría que vender para axudar a recadar os recursos económicos tan necesarios.

Pedimos desculpas polos erros que seguramente cometemos, pero podemos asegurar que as nosas accións sempre foron pensadas en favor de Camariñas e da promoción da nosa vila. Se a alguén faltamos, pedimos perdón. Se alguén nos faltou… pois nin nos lembramos.

Para rematar, queremos animar á xente a que dea un paso ao fronte. Paga a pena traballar por Camariñas e polos camariñáns. Nos, si o precisan, darémoslle toda a información que nos demanden e, na medida das nosas posibilidades, axudaremos todo o que poidamos.

E, tamén, queremos animar á hostalaría de Camariñas a que faga unha profunda reflexión sobre o que significan, en termos económicos, as festas do Carme, sobre todo para eles. Se alguén se toma a molestia de botar números chegará a mesma conclusión a que chegamos nos: o Carme supoñe mais volume de ingresos para a hostalaría local que a Mostra do Encaixe.

E unha pequena explicación sobre a festa da Virxe do Monte, sen ánimo de crear polémica. Nos sempre fixemos o que se nos dixo dende a parroquia e nunca quixemos entrar en polémicas que non son competencia dunha comisión de festas. Cando se pudo. empregamos os donativos recollidos en 2020 para a celebración das festas, nunca para outra finalidade. Empregámolos todos na Baixada, e incluso algo mais. O resultado está aí e coidamos que as comisións que veñan, no futuro, teñen unha porta aberta para a colaboración institucional coa Armada que non deberan abandonar.

Capítulo aparte merecen as múltiples denuncias que sufrimos, diante da inspección de traballo, polas actividades que fixemos para recadar fondos para as festas. Hasta tres veces recibimos a visita de inspectores de traballo que, salvo nunha delas, quedaron en nada porque os inspectores viron que, o que se facía, era unha actividade totalmente altruísta e en beneficio da sociedade. Houbo outro funcionario ao que non houbo forma de facerlle entender que o noso traballo non era en beneficio propio se non dun proxecto colectivo que se chama Carme de Camariñas. O mais lamentable de todo isto é que temos constancia de que as inspeccións sempre viñeron por denuncias previas dende Camariñas. Tampouco esquecemos que algúns membros da Comisión sufriron agresións físicas ou verbais, ou danos nos seus vehículos, ou mesmo acoso a familiares a altas horas da madrugada nos seus domicilios, ou a sabotaxe da festa en 2019 cortando a toma de corrente cun machete.

Pero nada diso, sufrido en silencio e ao longo destes tres anos, é o motivo de que deamos un paso ao lado. Como xa dixemos, viñemos para botar unha man en momentos de dificultade e, cumprido ese obxectivo, toca que outra xente tome o relevo para seguir unha tradición que herdamos de nosos pais e que temos a obriga de trasladar ás xeracións futuras. Do demais xa están dando conta os xulgados.

Hasta aquí chegamos. Que viva Camariñas e que viva o Carme!!!

Xa podes colaborar co Carme vía Paypal

Share on facebook
Share on whatsapp
Share on twitter

Sponsors do Carme de Camariñas

Empresas e institucións que apoiaron a creación da web da Festa do Carmen de Camariñas

fai o teu donativo ao carme a través de paypal