A Asociación Cívica, Cultural, Deportiva e Recreativa “Virxe do Carme de Camariñas” quere comunicar que, despois de manter reunións coas autoridades locais, coa parroquia e con tódolos colectivos que, directa ou indirectamente, participan e colaboran coa organización das Festas do Carme, temos elaborado un programa para celebrar o Dia do Carme coa dignidade que se merece e sen poñer en perigo a saúde pública, e que queda do seguinte xeito:
- Aínda que a lei o permite, NON HABERÁ VERBENAS.
- Coa colaboración do concello, tal como está a facer no resto das parroquias, haberá grupos de gaitas e charangas que amenizarán as nosas rúas e prazas.
- Non haberá procesión, entre a Igrexa de San Xurxo e o Curbeiro, da Virxe Grande que permanecerá na igrexa parroquial.
- A Misa do Carme celebrarase na Praza do Mercado coa Virxe Pequena. O recinto estará valado e con un único punto de entrada e outro de saída. En ámbolos dous haberá xel desinfectante e tódolos asistentes á Misa deberán levar máscaras.
- A Danza de Arcos homenaxeará á virxe facendo un túnel de honra entre a capela do Carme e a Praza do Mercado.
- Ao remate da Misa, a virxe, acompañada da Danza de Arcos, irá en procesión ate o Curbeiro onde se fará unha ofrenda floral e un acto de homenaxe aos homes e mulleres do mar falecidos no último ano.
- Rematado o acto no Curbeiro, a imaxe da virxe, acompañada pola Danza de Arcos, retornará a súa capela. Neste intre prenderase lume a unha gran traca de fogos artificiais.
- O día 17 haberá funeral polos mariñeiros defuntos na igrexa parroquial de San Xurxo.
- A celebración destes actos, sobre todo os gastos que ocasiona a traca, obríganos a saír a pedir donativos de tódolos camariñáns que queiran e poidan aportar o seu grao de area para que as Festas do Carme non morran.
- Tamén teremos á venda mascariñas, bandeiras, e outros materiais para a mesma finalidade.
PROGRAMA E HORARIOS:
DÍA 16
- 09 HORAS – Lanzamento de bombas de palenque
- Pasarrúas amenizado por bandas de gaitas
- 11 HORAS – Acto de entrega do “Camariñán de Honra”. O acto terá lugar na Praza do Mercado
- 12 HORAS – Misa solemne na honra da Virxe do Carme e posterior procesión ate o Curbeiro onde se fará o acto de homenaxe aos homes e mulleres do mar que faleceron neste último ano e lanzamento dunha gran traca.
- TARDE-NOITE – Actuación de charangas polas rúas do pobo
DIA 17
- 09 HORAS – Lanzamento de bombas de palenque.
- Pasarrúas a cargo de bandas de gaitas.
- 12 HORAS – Funeral polos mariñeiros difuntos.
- TARDE NOITE Pasarrúas con charangas e grupos de percusión.
Agradecemos a colaboración que estamos tendo por parte das institucións e organismos que, de xeito entusiasta, puxéronse a nosa disposición para levar a bo porto este Carme tan difícil.
Seguiremos informando segundo se produzan os acontecementos.
Moitas gracias a todos e a todas pola vosa comprensión e colaboración.