Por primeira vez nos seus moitos séculos de historia, a Armada Española participará na baixada da imaxe da Virxe do Monte dende a súa capela do Monte Farelo, ate a igrexa parroquial de Camariñas.
A Asociación Cívica, Cultural, Deportiva e Recreativa (ACCDR)“Virxe do Carme de Camariñas” cursou unha invitación ao Ministerio de Defensa para que unha representación da Armada Española participase na “baixada” da imaxe da Virxe do Monte, dende a súa capela, situada no cumio do Monte Farelo, na entrada da ría de Camariñas, ate a igrexa parroquial de San Xurxo, pasando antes pola capela do Carme.
Esta invitación fíxose logo dos traballos de investigación levados a cabo pola ACCDR Virxe do Carme de Camariñas que constatou que moitos navíos da Armada, e da flota española en xeral, tiveron á Virxe do Monte Farelo por patroa das súas embarcación practicamente ate finais do século XVIII e principios do XIX, moito antes de institucionalizar á Virxe do Carme como Patroa da Armada Española. Esta advocación mesmo se trasladou ao Novo Mundo onde era frecuente que a reprodución desta imaxe se doaran ás novas igrexas alí creadas.
A ACCDR Virxe do Carme de Camariñas acaba de recibir a confirmación formal da participación da patrulleira Tabarca, con base en Marín, nestes actos e que contemplan toda unha serie de actividades nas que participan distintas institucións e colectivos sociais de Camariñas, coordinados pola ACCDR Virxe do Carme. A Parroquia, a quen competen tódolos actos relacionados co culto e a devoción dos creentes; a Confraría Virxe do Monte; e o Concello de Camariñas que recibirá á representación da Armada no Concello e colabora coas labores de intendencia que un acto deste tipo precisoa.
No ano 2020 a ACCDR Virxe do Carme de Camariñas, comezou a recollida de donativos para a celebración da festividade da Virxe do Monte que, coma tódolos anos, debería celebrarse o luns de pascua. Como consecuencia do Decreto de Confinamento pola situación de pandemia que todos coñecemos, esta labor tivo que ser suspendida e os fondos obtidos gardados para cando a situación sanitaria permitise celebrar as nosas festas da Virxe do Monte coma sempre. Por desgracia non solo quedaron suspendidas no 2020 se non tamén en 2021.
Por iso, e dado que todos estes actos se celebrarán ao aire libre e onde as persoas que acudan poderán manter a distancia de seguridade, este ano procederemos ao traslado, como é tradición antes de que os rigores do inverno azouten o alto do Monte Farelo, da imaxe ao seu refuxio invernal na Igrexa de San Xurxo coa colaboración inestimable da Armada Española.
O programa, a falta de concretar pequenos detalles e sempre condicionados pola evolución da pandemia e das decisións que adopten as autoridades nesta materia, é o que sigue:
DATAS: Do 27/6/2021 ao 29/8/2021.
LOCALIZACIÓN: Monte Farelo, estrada que comunica éste co casco urbán de Camariñas ata a Igrexa Parroquial de San Xurxo.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES E HORARIOS:
VENRES 27 DE AGOSTO:
- Chegada ao porto de Camariñas da Patrulleira Tabarca, da Armada española.
- Recepción da tripulación na Casa do Concello pola súa alcaldesa e corporación.
SÁBADO 28 DE AGOSTO:
- Alborada e pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Con Toda en Banda.
- Misa solemne as 12:00 h. e posterior procesión ao redor da capela da Virxe do Monte.
- Honras amosadas pola Patrulleira Tabarca e toda a flota camariñana que queira sumarse ao acto. Tanto a Patrulleira da Armada como as embarcacións que se sumen estarán situadas ao pe do Monte Farelo, na entrada da ría de Camariñas.
- Gran traca de fogos de artificio.
DOMINGO 29 DE AGOSTO:
- Alborada e pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Abrindo Rejo.
- Misa solemne as 12:30 h. e posterior baixada da Virxe do Monte, en procesión, ate a Igrexa parroquial de San Xurxo de Camariñas. A procesión irá acompañada polos tripulantes da patrulleira que así o desexen e polo público en xeral.
- Gran traca de fogos de artificio.
- Actuación musical do Dúo D`Festa polas rúas do pobo a partires das 14:30 h.
- Actuación musical da Charanga Santa Compaña a partir das 16:30 h.
- Actuación de charangas e grupos de percusión polas rúas do pobo.
Todas estas actividades fináncianse cos donativos recollidos en 2020 e que non foron utilizados como consecuencia da pandemia e suspensión de festas populares.
Adxuntamos o enlace web do traballo levado a cabo pola investigadora do Museo de América, en Madrid, e publicado na revista Torna Viaje, Rocío Bruquetas Galán (páxina 491):
Adxuntamos tamén os enlaces de distintos medios de comunicación que se fixeron eco da subasta dunha pintura desta imaxe e que foi adquirida polo Estado:
https://www.laopinioncoruna.es/galicia/2015/06/18/compra-oleo-1759-virgen-camarinas-24619949.html
Cartel da Baixada da Virxe do Monte 2021 en Camariñas
