Vivencias da Festa do Carmen de Camariñas, por Antonio Puertas

As vivencias que eu gardo da nosa festa do Carme, remóntanse até case que apalpar aqueles afastados anos da miña infancia. Eran tempos difíciles…moi difíciles. Tanto, que por haber, non había case que nada. Rúas e corredoiras aturadas de croios e de lama, alampando luceiros de carburo espallados en medio das casas, e por algún que outro rueiro do centro; procesións en noites de inverno, con fachucos de palla, e figuras fantasmagóricas proxectadas ao longo dos camiños-coma na procesión dos Caladiños; fontes e pozos con colas de mulleres enchendo as súas sellas, en meses de secas; farrapos e vestimentas probes de necesidade; morte, enfermidades e fame…

Noso pobo atopábase completamente apartado do resto do mundo, e, cando, en raras ocasións, achegábase até nos, algún que outro viaxante ou forasteiro, a súa presencia corría coma a pólvora de boca en boca…era unha novidade da que todos participaban de algún xeito.

O coche de Pombo, ía e viña dende Vimianzo co seu correo diario, sendo en realidade o único medio de enlace entre ámbolos concellos limítrofes. Tamén, cubrían as nosas calzadas, de xeito ocasional, o coche de Sendón, e o de Rudolfo. Porén, os verdadeiros donos das estradas, viñan sendo os carros dos bois e os dos burros- con perdón-. Polo demais, algunha que outra bicicleta, coma a do flamante cura Don Xosé, aló polo ano 1956, coa que aprenderamos a andar nela a meirande parte dos rapaceiros camariñáns.

A través do mar, aí, si que o noso contacto con outros mundos, viña sendo moito máis natural e fluído, que por terra. Barcos que atracaban por causa dos frecuentes temporais, ou pesqueiros de outras rexións de España, atraídos pola abundante pesca, acudían todos eles ao reclamo, e, de seguido, saían pitando…coma hoxe en día está a acontecer no parqué da Bolsa, pa facer caixa.

Así, a causa do noso illamento natural no mapa, á vida dos nosos homes e mulleres, fora moldeada durante séculos polos tombos do mar e os asubíos dos ventos, forxando en nosas xentes un carácter nobre e aberto,… tal cal viña sendo á inmensidade do mar e do ceo, aos que estabamos abrazados acotío pa ser libres e sans, coma eles.

Despois de este prólogo, entramos de cheo na enquisa coa que encabecei este meu relato, facéndome a seguinte pregunta : ¿ Que estaban a supor para min as Festas do Carme ? ¿ Que lembranzas gardo deses festexos tan populares, tendo en conta de que, tamén eu, viña sendo parte integrante e fillo do pobo ?

As festas en honor da nosa Santa mariñeira, chegaban ao calendario pa rachar un antes e un despois. Unha raia divisoria no ano, onde todo xiraba entorno seu.

O mariñeiro, sempre atento aos festexos en honor da súa Capitana, amañaba con tempo, a homenaxe a súa Nai do ceo, cunha grande festividade en honor seu, dando sempre o mellor de si mesmo. E, o día despois, quedaba xa pensando nas vindeiras festas do seguinte ano. O Carme, pois, viña sendo pos homes do mar, o que San Xurxo, representaba pos labregos de Buría. Unha simbiose de mar e terra, emparentados nunha aperta de séculos, resumidos neses dous días.

Porén, non sempre fora abondo a boa vontade das xentes. Estou a trasladarvos no tempo a uns anos de fame e de moitísimas necesidades, e non sempre puidemos ter ese agasallo merecente da Virxe pa unhas festas así.

Nestes intres, ven ao meu recordo un Carme en concreto, no que a Comisión de Festas, non dera xuntado cartos abondo pa poder votar os fogos da medianoite.

A orquestra, estaba co seu “ pupurri” de cancións populares, cando se acercou Miguel Pardiñas, dicíndonos a min e mais ao seu sobriño Toño:

-Ide por tódalas tendas e por tódalas barracas que haxa, e mercade cantas bombiñas teñan nos seus negocios… Ides ver, coma, este ano, tamén, imos ter traca na noite.

En chegando a hora marcada pola tradición, Toño e mais eu- e, penso que algún amigo mais- comezamos a disparar arreo dende o Canzorro os foguetes do Carme, mesturados con potentes petardos, que estaban a atordar os nosos infantís oídos. O animador, mandou parar a música, e aqueles lánguidos luceiros da beirarrúa, foron morrendo paulatinamente, segundo asubiaban polo ceo os nosos foguetes. Ao remate, un sonoro e prolongado aplauso xeral, resoou aquela noite do Carme polos ceos de Camariñas.

Isto é, a grandes trazos, un miúdo exemplo do que estaban a supor pa min, e pa todo un pobo mariñeiro, coma o noso, as Festas do Carme, vistas cos ollos dunha saudade piadosa a través do meu tempo.

Share on facebook
Compartir en Facebook
Share on twitter
Compartir en Twitter

Sponsors do Carme de Camariñas

Empresas e institucións que apoiaron a creación da web da Festa do Carmen de Camariñas