Pregón do Carmen 2016 por Antonio Puertas Lema

Pregón do Carmen 2016 por Antonio Puertas Lema

O 15 de xullo de 2016, nun día espléndido de verán e antesala dunha das edicións máis bonitas do carmen que se recorden, o Pregoeiro oficial Don Antonio Puertas Lema recitaba uns versos que quedarán para a historia da nosa festa. Ante unha praza de Insuela abarrotada de nenos e nenas da miniprocesión do Carmen o señor Antonio encandilou a todos con estas palabras tan fermosas e sinceiras de amor polo noso Carmen que procedemos a reproducir a continuación.

Pregón do Carmen 2016 por Antonio Puertas Lema


Señor Alcalde, Señoras e Señores Concelleiros, Autoridades, Comisión de Festas, Invitados e Visitantes, Amigas e Amigos todos. Bos días. Antes de nada, desexo agradecer de corazón ao Señor Alcalde, a Comisión de Festas, e a Xosé Luis Blanco, o honor de estar aquí, como Pregón das Festas do Carme, Camariñas 2016.

Non cabe maior honra para unha persoa, de que o seu propio pobo ó elixa para que sexa el quen cante as grandezas da súa terra e das súas xentes. De aí, a gran responsabilidade que asumo coa miña aceptación.

Ser Pregoeiro, é ser algo así coma ser poeta ou xograr de palabras agarimosas e selectas. Palabras que logren calar no mais fondo da alma dos oíntes. Se son quen de conseguilo, xurdirá entre nos unha harmoniosa empatía, que nos ha trasladar no tempo até a infancia, cara onde pretendo chegar con todos vos, aló polo Camariñas dos anos cincuenta...dando vida, nesa fabulosa viaxe, a todos aqueles seres queridos que xa non están, e que seguen moi presentes no noso recordo.

Raza nosa, que leva O ENCAIXE NA PEL, E O MAR NAS SÚAS MIRADAS; Raza que LEVA NA ALMA O CORDEL, QUE AMARRA AS NOSAS PISADAS... Pisadas nobres de homes de mar, amarradas a unha terra de inmaculadas praias; de rueiros encantados e de algazaras animadas polas cantareiras, acompasadas coas roncas augas, que amansan ao pe de casiñas brancas; poutadas que fondearon a nosa barca, cuestionando o destino que, inexorable, nos arrastra mais aló destas ribeiras, onde acocha o leito dunhas terras que morren, sublimando ás augas bravas.

Terra de mulleres fermosas e laboriosas, que cantan no río de augas claras, e que loitan a brazo partido polo pan dos seus fillos, vestindo o mundo enteiro con panos de encaixe fino, mentres elas visten:

unha cariña que asenta
uns olliños de cristal
con pel de canela e menta.

Terra de homes nobres e ousados, como son estes fillos do mar, que mais aló das labores mariñeiras, toman o temón desta barca festeira, atrevéndose a afrontar á encomenda de agasallarnos coas mellores orquestras da actualidade.

E, ben saben eles que han ter que brincar
cos aros da festa que están a bailar
ca Virxe do Carme e cas ondas do mar. 

Grande e universal é este pobo e os seus cantares. E, para que sirva de mostra, vou contar unha anécdota que acontecera aló polo ano 2000, con motivo do casamento dunha sobriña na metropolitana cidade de New York...Pois, resulta que, ao entrar nun restaurante, un dos meus fillos, elixiu un disco calquera de música española. E cal non sería a nosa sorpresa, de que en eses afastados mundos, de culturas e costumes tan diversas, comezou a soar á canción mais melosa, embaixadora nosa polo mundo enteiro : “ Ó pasar por Camariñas, por Camariñas, pasei cantando...” Asegúrovos que, a todos nos, se nos puxeron os pelos de punta, por aquela tan inesperada e grata sorpresa. O noso desbordante xúbilo, valeu para atraer ás miradas de cantos alí estaban, e lograr, así, rematar todos coma unha pina, moumeando ás notas daquel fermoso canto noso tan universal.

E, ¿ que dicir dos nosos encaixes, que non saibamos ?...Pois, que xa, dende séculos pasados, lucían as nosas puntillas en palacios e fogares nobres; en raíñas e princesas... xogos de cama, traxes de festas, bautizos e casamentos; desfiles e galas,... i, en eventos, coma a Mostra Universal de hoxe e de sempre, creadora de riqueza, pa vestir con fachenda ao mundo enteiro.

Festas, tambores e danzas, orquestras e gaitas, en honor deste Carme noso, que, un pobo de raíces mariñeiras, soubo dende sempre levar polo mundo adiante a súa fermosa tradición. Por todos eles e por todos nos: ABANTE A TODA,... até remontar con estes versos á nebulosa que acocha os meus recordos, do Camariñas da miña infancia:

AÍNDA VEXO, de Antonio Puertas


Aínda vexo por non ver
do meu pobo os seus encantos,
cas lembranzas daquel querer
buligando polo meu ser,
e alporizando os meus prantos.

Aínda vexo esas hortas
polo Muíño do Vento,
entre corredoiras tortas,
cas paredes sen as portas
polas que entro sen alento.

Aínda vexo palillar
no sollado de Isolina,
co pano da mostra á trenzar;
o pote, cos bolos do lar,
e, as cuncas, pola Cantina.

Aínda vexo a bisbarra
ateigada de piñeiros;
e a Arximiro na gabarra,
ca súa moura zamarra,
escallando os rapaceiros.

Aínda vexo unha fogueira
pola outra banda da ría,
e, ao Nacho, nesa xeira,
escorando na traiñeira,
por Merexo cando ardía.

Aínda vexo enfornadas,
cas fábricas á fumear,
e as tripadas entubadas,
escorrendo mesturadas
en Cerdeiras i en Aguiar.

E vexo o pombal de meu pai
enriba do galiñeiro;
e a botica da miña nai;
cos zapatóns que pa min fai
Modesto do zapateiro.

…Lebres no monte da Vela,
e a Tubío con Luceiro
polos carreiros da Arnela,
ou polas leiras de Insuela
á trancazos cun fungueiro.

E sinto toca-lo corno
dende a Praza ata Merexo,
e o resón do seu retorno
nos agros do noso entorno,
por onde guicha o conexo.

E vexo ao carniceiro,
fachendoso no cabalo,
con bestas de bo vaqueiro,
cruzando polo meu rueiro
e apeándose nun valo.

Con María da Zapateira,
vexo a orquestra Trobadores,
e á bailar unha muñeira,
naquel piso de madeira,
a moitos bos bailadores.

E vexo a Fonte Barreira,
minguando no río do Prado,
ca Linda nosa leiteira,
camiñando pola leira
co cántaro cobizado.

E, o estrume, nas bandas perde
a Mariano da Cabreira,
cun carro de toxo verde,
que, sobre os fungueiros, ergue,
pola Grixa e a Lontreira

…e, as ascuas do incensario,
que tiña encargado o cura;
dende o agro ao campanario,
as de toxo, po igrexario,
foran as de mais perdura.

E ós Campaña e mailos Nito
tensando a corda cun pano,
de medianeiro interdito,
por ver quen leva o cabrito
polo Carme de aquel ano.

Vexo as tropas de Finito
con un lanzamento lampo,
e as espadas do Morito,
ca estratexia do gambito,
remontando deica o Campo.

E, á beira do bar Miramar,
a buxaina e mailos aros,
co eco de: -Por ti ó Pasar-
das nenas que están á lavar,
cas cantareiras, lembrarvos.

Vexo, aínda, Camariñas,
ca lustre do noso faro,
unhas aboiadas barquiñas;
son miúdas gameliñas
refulxindo en luz de amparo.

E na entrada da nosa ría,
vexo a Virxiña da Barca
ca xentiña en romaría,
e a Virxe do Monte, que é guía
dos mariñeiros, Patriarca.

E vexo a Costa da Morte
co Bufardo e cas Quebrantas,
e, o Farelo, de consorte,
sangrando en ventos do norte
por esta terriña santa.

Vexo as brancas caramiñas
na Pedrosa e mais no Trece,
e o nome de Camariñas,
co berce nas areíñas
da campiña onde florecen.

E vexo o faro Villano
abrindo paso, entre fachos
desa luz que espalla, oufano,
o rei do mar soberano,
dende a cima duns penachos.

Lonxe da miña casiña,
que tanto está a laiar por min,
os acougos da terriña
van coa miña morriña,
dende aquel día en que eu nacín.


LA MAR ES MI ALMA, de Antonio Puertas


La tierra es mi cuerpo, la mar es mi alma .
Búscame en la mar porque soy marinero.
De las olas del alma soy prisionero.

Contemplando mi cielo la mar me calma,
…me susurra los sueños que yo más quiero.

Mirando tu espejo siento que vuelo
cubierto de espumas, subiendo hacia el cielo.

Con arrullos de la mar en sueños muero.
Marinero, deja tu barca en mi puerto,
que allí está el cielo, aguardándome en silencio.

Al gusano con mi muerte yo lo sentencio,
y a mi alma la llevo al mar después de muerto.

¡ VIVA CAMARIÑAS !
¡ VIVA A VIRXE DO CARME !

Quedan inauguradas as Festas do Carme 2016