Entrevista a Puri Lema, creadora dos calendarios do Carme 2020

A web do Carme de Camariñas ten como obxectivo principal centralizar toda a información relevante do Carme nun só lugar así como tamén recopilar parte do material audiovisual existente sobre a festa da nosa vila. Pero o que tamén nos propuxemos nesta comisión é o de dar a coñecer ás xentes que colaboran altruistamente coa nosa festa. Porque como todo o mundo sabe certamente, Camariñas é unha terra de artistas e xenios, e para isto mesmo temos a nosa imprescindible páxina web do Carme na que ofrecer o escaparate onde quedarán estes grandes colaboradores da nosa festa para a posteridade. Nesta primeira edición queremos presentarvos unha entrevista a que foi a creadora do impresionante calendario do Carme 2020. A polifacética artista da Ponte do Porto Puri Lema del Río.

Porqué esta colaboración coa Comisión de Festas do Carme de Camariñas?
Porque sempre contan conmigo para diseñarlles carteis ou a alfombra floral do Carme, que de moi boa gana lles fago; e isto dou pé ao seu interese cara a miña obra, así que mo propuseron e non o dubidei.

Porqué acuarelas e porqué a temática?
Bueno, non só son acuarelas, hai debuxo a grafito, rotulador, o que me permite xogar coa línea e a mancha dunha maneira figurativa as veces e rozando a abstracción outras. A temática estaba clara porque ainda que o obxectivo e recadar fondos para a festa do Carme, e de interese para todo o Concello as marabillosas paisaxes coas que contamos. Dende Camelle, Arou, Xaviña, A Ponte… e por suposto os símbolos arquitectónicos representativos da nosa cosata como o faro ou as Igrexas do Carme ou a Virxe do Monte.

Vostede foi comisaria en varias exposicións…
A maioría das exposicións que eu coñecín foron de moi alta calidade. Os espazos son privilexiados e sería unha mágoa que fallase o criterio para a selección de obra na procura de mostras de calidade que axuden a aprendizaxe da arte a través delas. Por desgracia ese criterio falla moitas veces e non todo o que se expón e digno de chamarse arte.

Cales son os seus plans de futuro?
Seguir colaborando tódalas veces que sexan precisas cos proxectos que me plantexen dende todolos ámbitos artísticos. Dende comisariados de exposicións, deseños gráficos, exposición de obra propia de maneira colectiva polo de agora, ou individual coma nesta ocasión cos debuxos e espero que poida voltar a ser, nun futuro non moi lonxano, cando os meus compromisos mo permitan, con obra de gran formato na que ando a traballar, ando a colaborar con ilustracións para teatro e literatura. O mesmo tempo considero unha parte moi importante da miña profesión a posta en valor da Escola Municipal de Vimianzo, dende a que andamos a facer canteira de artistas, a través da práctica e a aprendizaxe.

Que lle parece esta iniciativa da Comisión de Festas do Carme de Camariñas?
Apostar pola arte sempre e unha boa iniciativa. O fácil é coller unhas imaxes e xa! e sen embargo, ainda a risco de que a obra pictórica non se entenda, esto axuda a poñer en valor a arte, e educa o ollo do profano ao mesmo tempo que fai unha labor divulgativa que nestes tempos de escuridade cultural pasa de ser anecdótica a facer unha labor de mecenazgo.

Presentado o Calendario do Carme 2020 no Faro Vilán. Obra da artista da Ponte do Porto Puri Lema del Río

Deberían ter mais presencia e peso curricular, a educación artística nos centros educativos?
A arte en xeral estase eliminando dos curriculums educativos sen ter en conta a necesidade da estética e a creatividade tan necesario en tódolos campos profesionais. Presente dende nunha arquitectura, nunha enxeñería, no campo da investigación, e precisa para destacar e diferenciarse sobre o resto dos convencionalismos. Desenrolar a capacidade creativa dende a infancia e fundamental para evitar unha sociedade de futuro gris, uniformada, máis propia da época na que se precisaba man de obra nas cadeas de montaxe da revolución industrial sin importar as ideas de cerebros entrenados na creación. Ocorre que apartando esa oportunidade formativa a nivel xeral, queda pois a disposición so de uns cuantos privilexiados que serán os donos do futuro e das élites que …

Cal debera ser o papel das institucións neste escenario que propón?
Xa que non podemos contar cos centros formativos que están sendo recortados nas humanidades, coas consecuencias que iso conleva, fomentando unha incultura emocional das persoas que non acadan ferramentas para xestionar esa parte fundamental da vida de todos e cada un de nos. Importante para obter unha sociedade sán, librepensadora e sobre todo racional e tolerante. Desembocando en maiores éxitos técnicos profesionais. Sería importante que dende algún ámbito institucional se deran de conta deste problema e lle puxeran algún tipo de remedio. Fomentar a arte local, darlle proxección, o que ven sendo un traballo de mecenazgo. Achegar deste modo a xente que non coñece este mundo, organizar cursos relacionados coa creatividade e incluso a terapia psicolóxica.

Como cualificaría a programación cultural dun territorio como a Costa da Morte?
Considerando a demanda pode que sexa suficiente, pero como a programación e máis ben escasa poderíamos afirmar que o que fai falla e máis educación e formación artística para que xurda de maneira natural esa demanda desexada.

Existe demanda cultural na nosa sociedade?
A demanda é insuficiente pola sinxela razón de que non ha i formación cultural sobre o tema. É como preguntar a unha sociedade que non sabe ler si ten demanda de libros. Pois non hai non. Existe unha ignorancia palpable nos campos artísticos e de maneira máis palpable nas artes gráficas que non son tan visibles como a música, o cine, o teatro ou a danza. Por iso e preciso a educación e formación neste tema creando unha oferta para que isto poida cambiar, deixe de ser minoritario e xurda esa demanda necesaria.

¿Quen é a artista Puri Lema?

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, na especialidade de Deseño Gráfico. Esta veciña da Ponte do Porto estudou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela do módulo de formación superior de Xoiaría Artística. A súa obra pictórica enmárcase nunha figuración expresionista de ampla liña, que trata de diferentes técnicas: pintura, debuxo, gravado. Realiza diversas exposicións tanto individuais como colectivas en Salamanca, Santiago de Compostela ou no Castelo Medieval de Vimianzo …

Firme defensora dos valores educativos e curativos da Educación Artística, desde unha perspectiva transversal e inclusiva, o reto de comezar e avanzar coa Escola de Arte da Cidade de Vimianzo, que lidera dende 2009. Traer xente de diversas xeracións, procedencia e intereses, de campos completamente estranxeiros, coa arte e a súa práctica, lévano a converterse nun entusiasta activista cultural que loita por implicar institucións neste magnífico proxecto e complementar así os cursos con viaxes artísticas educativas que puxéronos en contacto con xoias aloxadas no Prado, no Thyssen e logo na Galería Tate. Na actualidade atópase inmersa nun proxecto pictórico centrado na natureza, onde o xesto amplo se expresa en gran formato.

Share on facebook
Share on whatsapp
Share on twitter

Sponsors do Carme de Camariñas

Empresas e institucións que apoiaron a creación da web da Festa do Carmen de Camariñas